Benvid@s a este Blogue dedicado a aprendizaxe da Xeografía e Historia do 1º Ciclo da ESO.
Para acceder ás diferentes entradas dos diferentes Temas ou ben a diferentes recursos e actividades, cliqueade nas pestanas amarelas da esquerda, correspondentes a cada un dos cursos.
Espero vos serva para reforzar o voso aprendizaxe.
O medio natural está formado principalmente polo relevo, os solos, o clima, a vexetación e a fauna .
Na actualidade é difícil atopar un medio autenticamente natural no que non actuase o ser humano.
Por iso, cando falamos de paisaxe referímonos ao medio natural combinado coa acci ón humana .
Clima e paisaxes da Terra
1. Climas da Terra
1.1. Zonas climáticas da Terra
A combinación dos elementos do clima (temperatura, humidade, presión, ventos e precipitacións) e os factores climáticos (latitude, altitude e distancia respecto ao mar) dan, como resultado, diferentes tipos de climas na Terra.
Se escollemos a temperatura como elemento principal do clima, a Terra divídese en tres zonas climáticas: zona de climas cálidos, de climas temperados e de climas fríos.
Cada zona subdivídese á súa vez en diferentes climas.
2. Zona cálida: paisaxe ecuatorial
2.1. A paisaxe ecuatorial
A paisaxe ecuatorial atópase en áreas do planeta situadas ao redor do Ecuador: Amazonas, Congo, golfo de Guinea e Sueste de Asia.
As temperaturas son sempre moi altas e as precipitacións, moi abundantes.
Os ríos ecuatoriais son os máis caudalosos e regulares da Terra.
A vexetación é exuberante (selva ou xungla) e os animais desta paisaxe adoitan ser de pequeno tamaño.
2.2. Os habitantes da zona ecuatorial
Os grupos indíxenas que habitan as grandes zonas de selva de América e África viven da recolección de froitos ou practican unha agricultura moi rudimentaria . Hai unha baixa densidade de poboación.
As zonas ecuatoriais asiáticas están moi poboadas, a selva ceou, e medran o arroz, a cana de azucre, o té e as heveas.
3. Zona cálida: paisaxe tropical
3.1. A paisaxe tropical
Ao Norte e ao Sur da zona que ocupa o clima ecuatorial atópanse as zonas de clima tropical.
Nas zonas tropicais, as temperaturas son elevadas durante todo o ano; porén, as chuvias marcan dúas estacións ben diferenciadas, a estación húmida e a estación seca.
Os ríos experimentan grandes enchentes na época de chuvias.
A vexetación característica é a sabana, formada por herbas e arbustos, onde habitan grandes herbívoros e os seus depredadores.
3.2. Os habitantes da sabana
Algúns pobos indíxenas da sabana (os Masai e os Mara) son pastores e practican unha gandaría extensiva.
Outros pobos da sabana son agricultores e practican unha rotación de cultivos.
Nas zonas tropicais, xunto á agricultura tradicional atópanse extensas plantacións, explotadas por compañías estranxeiras, dedicadas ao cultivo de cacao, café, tabaco, té...
4. Zona cálida: paisaxe desértica
4.1. A paisaxe desértica cálida
Os desertos cálidos atópanse situados ao redor dos trópicos.
As chuvias son escasas e as temperaturas son moi altas durante todo o ano. Ademais, danse grandes oscilacións térmicas entre o día (moi caloroso) e a noite (fría).
Nos desertos cálidos non hai cursos de auga permanentes, aínda que podemos atopar wadis, que só levan auga cando chove.
Nos desertos apenas viven algunhas plantas que conseguiron adaptarse ás duras condicións climáticas.
4.2. Os habitantes do deserto
Os desertos son zonas pouco poboadas. Grupos de pastores nómades que viven nos límites do deserto, onde pastan os seus rabaños de cabras e camelos.
A poboación sedentaria dos desertos vive xunto aos oasis , escasas zonas onde hai auga procedente de correntes subterráneas.
5. Zonas frías: paisaxe polar e paisaxe de alta montaña
5.1. A paisaxe polar
As zonas polares, Círculo Polar Ártico e Círculo Polar Antártico, son as zonas máis frías do planeta debido a que os raios solares chegan moi inclinados.
A chuvia é practicamente inexistente e as escasas precipitacións caen en forma de neve (desertos fríos).
A vexetación, que só é visible no verán, é a tundra e con ela aliméntanse algúns animais: osos e renos.
Tradicionalmente estas zonas foron habitadas por esquimós (América) e lapóns (península Escandinava).
5.2. A paisaxe de alta montaña
As zonas de alta montaña, con altitudes superiores aos 2500 m, teñen características propias dos climas fríos.
As temperaturas son baixas durante todo o ano e as precipitacións, se as hai, son en forma de neve.
A vexetación de alta montaña varía, entre outros factores, en función da altitude (niveis de diferente altitude).
Os habitantes da alta montaña dedícanse preferentemente á gandaría, á explotación dos bosques, á agricultura e,ultimamente, ás actividades turísticas.
Os fenómenos atmosféricos que inflúen no tempo e no clima danse na parte baixa da atmosfera, chamada troposfera.
O tempo refírese á situación da atmosfera nun lugar e nun momento determinados.
O clima refírese ás condicións atmosféricas que se dan nunha rexión nun período longo de tempo (un mínimo de 30 ou 40 anos) e que chegan a caracterizala: clima atlántico, clima tropical...
A atmosfera
•A atmosfera é unha capa gasosa de máis de 1000 km de espesura que envolve a Terra.
•A atmosfera evita que os raios solares cheguen directamente á superficie da Terra, facendo posible a vida no noso planeta.
•A atmosfera tamén actúa como escudo protector contra a caída de meteoritos.
O ozono, un gas que se atopa nas capas altas da atmosfera, impide que as radiacións ultravioletas, nocivas para os seres vivos, cheguen á superficie terrestre.
Cando a capa de ozono entra en contacto con certos gases, como os que desprenden certas industrias, redúcese ata o punto de producirse buracos.
Por estes buracos entran os raios ultravioletas que poden producir certas enfermidades, coma o cancro de pel ou problemas oculares.
A temperatura atmosférica:
·A temperatura atmosférica é o grao de quentamento do aire debido á radiación solar.Mídese cun aparato denominado: Termómetro As As líneas que nos mapas unen puntos de igual temperatura chámanse isotermas
Factores que inflúen na temperatura:
Os cambios de temperatura veñen determinados pola latitude, a altitude e a distancia respecto do mar.
A latitude:
O factor que máis inflúe na temperatura é a insolación e a insolación depende en gran medida da latitude.
A altitude
Coa altitude as capas de aire son menos densas e non son capaces de reter a calor; polo tanto, a maior altura, menor temperatura.
A proximidade ao Mar.
O mar suaviza as temperaturas das terras situadas preto das súas costas. (As Brisas marinas)
A humidade do aire:
A humidade é a cantidade de vapor de auga que se atopa no aire.
A cantidade de vapor de auga que pode absorber o aire depende da súa temperatura, a maior temperatura máis vapor de auga.
O grao de humidade do aire mídese co higrómetro.
As nubes e as precipitacións
Cando o aire húmido se quenta ascende; segundo ascende, comeza a arrefriar o que provoca a súa condensación en diminutas gotas, que se unen entre si formando as nubes.
•A Chuvia
Se o aire segue elevándose ou arrefriando, as gotas vanse adherindo, o seu tamaño aumenta ata que o seu peso as precipita en forma de chuvia.
A Neve: folerpas
Cando a temperatura do aire é moi baixa, os cristais de xeo non se funden ao caer, senón que se unen entre si formando folerpas
A sarabia
A sarabia fórmase cando os cristais de xeo das nubes son arrastrados cara arriba por
unha corrente de aire ascendente. A precipitación mídese cun aparello chamado pluviómetro.
Calcúlase medindo a auga que cae sobre un metro cadrado de superficie durante 24 horas e exprimindo esa cantidade en litros por metro cadrado
As líneas que nos mapas unen puntos de igual pluviosidade chámanse Isoietas
A presión atmosférica
•O peso ou forza que exerce o aire sobre a superficie terrestre denomínase presión atmosférica.
•A presión atmosférica depende da altitude, da temperatura do aire e das correntes de aire que circulan ao redor da Terra (correntes jet).
•O aire cálido dá lugar a zonas de baixas presións (depresión ou borrasca).
•O aire frío orixina zonas de altas presións (anticiclóns).
•Aparato con que se mide: O Barómetro
•Líneas que unen puntos de igual nos mapas: Isóbaras
•1015 hP presión normal ao nivel do mar
O vento
•O vento é unha masa de aire en movemento que se orixina cando entre dúas zonas se rexistran presións atmosféricas diferentes.
•O aire sempre sopra desde a zona de altas presións cara á zona de baixas presións.
•A intensidade do vento é maior canto maior é a diferenza entre presións atmosféricas.
•Existen ventos constantes nalgunhas zonas da Terra (os alisios no Ecuador), ventos estacionais (monzóns) e ventos locais (cierzo, levante…).
Este Blogue leva aberto desde o día 1 de febreiro do ano 2010, en case un ano tivo 6.939 visitas. Dende o día de hoxe 21 de xaneiro do 2011 mudou o seu aspecto, espero que vos guste máis. A estatística desde esa data é a seguinte: