8. Sociedade e ambiente
1. A Terra é un ecosistema
A Terra é un ecosistema complexo porque os elementos que a forman manteñen estreitas relacións entre eles. Estes elementos son:
Litosfera ou codia terrestre.
Hidrosfera, que é a auga que hai na Terra.
Atmosfera, da que dependen os climas.
Biosfera, formada polos seres vivos.
Cando se modifica un destes elementos do ecosistema, todos os demais se ven afectados.
A vexetación está no centro das interrelacións do ecosistema Terra:
Depende do clima, e tamén o modifica, xa que condiciona a cantidade de vapor de auga do aire.
Alimenta os seres vivos.
Absorbe os nutrientes do solo e transfórmaos.
Nútrese da auga subterránea e evita a erosión.
Sen o Sol, o ecosistema Terra non existiría: é fonte de enerxía, dá vida, e rexe o ciclo da auga.
2. Riscos naturais
Os riscos, é dicir, a existencia de posibles perigos para as persoas ou as cousas, poden ser naturais ou provocados pola acción humana.
Entre os naturais están os terremotos, que se producen polo movemento da codia terrestre e poden orixinar catástrofes dependendo do estado das construcións.
Do mesmo xeito, las erupcións volcánicas, poden arrasar territorios cos materiais expulsados. Por outro lado, os solos formados a partir de materiais volcánicos son moi fértiles.
Tamén se forman furacáns, que ocasionan ventos e chuvias moi violentas e son moi destrutivos.
Finalmente, as inundacións, normalmente causadas por fortes chuvias en pouco tempo, arrasan todo o que atopan ao seu paso.
A predición e a prevención dos riscos naturais en ocasións é posible.
3. Riscos provocados pola acción humana
Entre os riscos provocados pola acción humana podemos citar os tecnolóxicos, isto é, os que derivan dos erros do uso da técnica.
Nas centrais nucleares ou nas químicas, por exemplo, déronse escapes de substancias nalgunhas ocasións moi perigosos para as persoas e o medio.
As actividades industriais polo xeral tamén representan algúns riscos porque contaminan:
Ás veces, a contaminación atmosférica é tan grande que pasa ás gotas de chuvia e forma o que se chama chuvia ácida; cando esta cae mata a vexetación existente.
A auga contaminada das poboacións e das industrias vértese nos ríos.
A atmosfera quéntase e causa o efecto invernadoiro que, asemade, leva a un cambio no clima.
4. O cambio climático
O cambio climático é o conxunto de grandes e rápidas alteracións do clima que se producen polo aumento da temperatura do planeta.
As variacións climáticas sempre existiron como consecuencias dos fenómenos naturais, pero, nas últimas décadas, a actividade humana influíu de xeito decisivo no quentamento global.
Algunhas consecuencias do cambio climático:
O desxeo dos glaciares e con iso o aumento do nivel do mar.
O aumento dos fenómenos meteolóxicos extremos.
A ameaza para os seres vivos que non son capacaces de aclimatarse ás novas condicións do seu hábitat.
A desertización do territorio provocada polo aumento da temperatura e mais o descenso das precipitacións.
5. O ambiente urbano
As cidades son ecosistemas abertos porque:
Necesitan proverse de produtos do exterior: enerxía, alimentos, auga, etc.
Producen gran cantidade de residuos que contaminan: orgánicos e inorgánicos, augas, fume, etc.
Os residuos que producen as cidades deberían ser recollidos selectivamente e reciclados, e a auga residual ten que ser depurada.
As cidades forman illas de calor, porque son lugares onde as temperaturas son algúns graos máis altas, especialmente debido aos motores dos coches, ás calefaccións, ás fábricas, etc.
Ademais, o ambiente urbano ten máis polución, o que aumenta a incidencia de problemas respiratorios. Podería diminuír no caso de regularizárense as accións contaminantes, en todos os países.
6. A explotación dos recursos naturais. O desenvolvemento sustentable
O aumento da poboación levou a un maior consumo de todo tipo de recursos, pero debemos poñerlle freo porque xera moitos problemas.
Un deles é o esgotamento dos recursos non renovables, como os enerxéticos e minerais, que non os hai que malgastar aínda que queden reservas.
Outro problema son os recursos renovables:
Os que se rexeneran, como a auga, degrádanse.
O bosque e o solo están sendo degradados e sobreexplotados.
Finalmente, é un problema tamén que os recursos se repartan de xeito desigual no mundo, sobre todo en canto ao seu acceso.
A sostenibilidade é un conxunto de prácticas que fai compatible o mantemento do benestar actual co coidado do medio natural.
_________________________________________________________
ENLACES PARA SABER MÁIS:
Vicens Vives: Libro 3D (hai que estar dado de alta))Para máis coñecementos visita este enlace do profesor Isaac Bouzo
http://www.isaacbuzo.com/primeroeso/medios_naturales.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario