.


Benvid@s a este Blogue dedicado a aprendizaxe da Xeografía e Historia do 1º Ciclo da ESO.

Para acceder ás diferentes entradas dos diferentes Temas ou ben a diferentes recursos e actividades, cliqueade nas pestanas amarelas da esquerda, correspondentes a cada un dos cursos.

Espero vos serva para reforzar o voso aprendizaxe.


Santi Pazos



ENTRADAS

TEMA II: A representación da Terra: Os mapas



Tema 2: A Representacion da Terra. Os mapas
Introdución
Antigamente, a realización de mapas era lenta e difícil, xa que se debuxaban a partir de observacións sobre o terreo .
Na actualidade, os mapas realízanse partindo de fotografías aéreas e de imaxes obtidas por satélites artificiais.
Estas técnicas cartográficas permiten representar exactamente a superficie da Terra.
Os mapas teñen múltiples usos, un deles pode ser para orientarnos.

A latitude e a lonxitude
Serve para:
a) Situarnos no espazo terrestre
b) Localización exacta dun punto na Terra

a) Para situarnos no espazo terrestre
Coa finalidade de calcular a distancia entre distintos lugares da Terra ou determinar unha situación exacta, creouse un sistema de localización : as coordenadas xeográficas .
As coordenadas xeográficas: son unhas liñas imaxinarias ( paralelos e meridianos ) que aparecen nos globos terráqueos e mapas formando unha cuadrícula.

Os paralelos son liñas imaxinarias paralelas ao Ecuador . O Ecuador é o paralelo 0.
Os meridianos son liñas imaxinarias trazadas de Norte a Sur, de polo a polo. Greenwich é o meridiano 0 .


b) Localización exacta dun punto na Terra (Latitude e Lonxitude)
Para situar exactamente un punto na Terra hai que buscar o paralelo e o meridiano que pasan por ese punto.
A latitude é a distancia entre calquera punto da superficie terrestre e o Ecuador (o paralelo 0 ). Pode ser Norte ou Sur.
A lonxitude é a distancia entre calquera punto da superficie terrestre e o meridiano de Greenwich (ou meridiano 0 ). Pode ser Leste ou Oeste.


A representación da Terra: Os mapas e as proxeccións

A mellor forma de representar a Terra é o globo terráqueo ; xa que logo, para un estudo polo miúdo dalgunhas partes da Terra, isto podería resultar imposible.
Para isto, os cartógrafos idearon a maneira de representar unha imaxe esférica nunha superficie plana: os mapas .
Dado que proxectar de forma exacta unha superficie esférica sobre unha superficie plana é imposible, ideáronse distintos tipos de proxeccións cartográficas : cilíndrica , cónica e plana ou cenital .

A escala dos mapas
A escala indícanos cantas veces se reduciu unha zona xeográfica real para poder ser representada no mapa.
A escala aparece escrita nos mapas e planos de forma numérica (unha fracción) ou de forma gráfica (unha liña recta dividida en segmentos).
En función da escala os mapas poden ser de grande escala (denominador pequeno) ou de pequena escala (denominador grande).

Escala Gráfica: Nos mapas a escala gráfica ven representada por unha liña graduada ou  gráfica na que se representan os Km que se corresponden coa realidade; máis ou menos así:

 

Para calcular, mediante a escala gráfica, a distancia entre dous puntos, podemos facelo de dúas maneiras:
A: Proceder como nos indican no libro de texto na páxina 22
                         D no mapa en cm  X  Km que marca a regleta
Distancia real = ------------------------------------------------
                                       Lonxitude da regleta en cm

B: Ou ben:
1º:Tomar  cun compás a abertura (distancia entre dous puntos)
2º:Con esa abertura ir sobre a escala gráfica do mapa e mira-los Km que marca. Esa será a distancia real en linea recta entre os dous puntos.
Se a abertura é máis grande que toda a escala gráfica, teremos que ver cantas veces está contida a escala gráfica na abertura, sumaremos as distancias e co cacho que sobre procederemos como no primeiro caso.
Exemplo: No mapa da páxina 22 do libro de texto calcula-la distancia real entre 2 puntos distancias que se elixan ao chou. (Ex. Santiago e Barcelona,...)
Escala numérica: Nos mapas ven representada por dous números (unha fracción) así: 1:50.000  ou ben así      1/ 50.000
O numerador da fracción representa a medida que se toma como base, e o denominador ás veces que esa unidade se corresponde coa realidade.
E dicir que 1 medida tomada no mapa equivale a 50.000 na realidade.
Nos mapas tomase como medida o cm.
 Exemplo: Supoñamos que temos un mapa con escala 1:600.000 e queremos calcula-la distancia entre dous puntos A e B.
1º : Collemos unha regra e medimo-la distancia entre A e B, supoñamos que sexan 14 cm. Entón teremos que face-las seguintes operacións:
14 x 600.000 = 8.400.000 de cm e dicir que 14 cm no mapa serán na realidade 8 millóns catrocentos mil cm na realidade.
Se nos mandan expresa-lo resultado en m. teremos que dividir por 100 e se nolo mandan en Km teremos que dividir por 100.000 polo tanto quedaría así:
8.400.000 : 100 = 84.000 m                        ou ben                               8.400.000 : 100.000= 84 Km.
Os mapas:Tipos de mapas
En xeral, os topógrafos traballan con dous tipos de mapas: os topográficos e os temáticos .
Os mapas topográficos inclúen información tanto de aspectos físicos (naturais) como humanos (artificiais) e adoitan servir de base para realizar outros mapas.
Os mapas temáticos reflicten un aspecto concreto da realidade: o clima, a vexetación, a poboación, os recursos económicos …

 Os signos convencionais:
Cada un dos elementos que aparecen no mapa represéntase mediante un símbolo ou unha cor . A estes símbolos denomínaselles signos convencionais .
Na lenda aparecen os signos convencionais xunto ao seu significado .
Os signos convencionais utilizados nos mapas temáticos adoitan ser: tramas de cores, liñas, puntos, círculos, ... que poden ser de tamaños e grosores distintos.
Signos Convencionais serven para ler un mapa:
Ler un mapa é aprender a localizar e a interpretar a información que está representada.
Todos os mapas reproducen a realidade de maneira simplificada e proporcional.
Para ler un mapa hai que seguir certos pasos: ter en conta a escala , entender a lenda e, cando sexa posible, confrontar a información con outros mapas, fotografías, textos, etc.
IBSN: Internet Blog Serial Number 01-02-2010-04